RESOLUCIÓN SUPOSTO PRÁCTICO DE ORGANIZACIÓN DE TALAS EN PIÑEIRAL DE Pinus pinaster, POLO MÉTODO DE ORDENACIÓN DE DIVISIÓN POR CABIDA (superficie).


Organizar as talas dun monte de piñeiro de 52 ha, ordeado por división por cabida (método de cortas: cortas a feito), nunha zona de Pontevedra próxima á costa. O período de rexeneración a considerar é de 4 anos, e o turno de 32 anos. O propietario quere obter un rendemento constante cada 2 anos. Ter en conta a presencia dun rexenerado de castiñeiro e carballo de 5-15 anos de idade e a existencia dun regato que limita co monte nunha lonxitude de 150 m. Que restriccións teriamos que ter nesta zona de valgada na que atopamos freixa e salgueiro?.
Realiza un croquis que te axude a deseñar os diferentes tramos nos 32 anos que dura un ciclo completo de cortas.

POSIBLE SOLUCIÓN
Empecemos polas restriccións. Dado que pasa un regato a rente do monte, e supoñendo que ten máis de 2 m de largo (ancho), temos que contar con deixar 15 m de banda a cada lado do río no que non pode haber outras especies que as do anexo I da Lei de Montes de Galicia (L 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia). Esta distancia contémplase no anexo II da citada lei. Isto suporía, que nesta zona, teremos que facer unha xestión diferenciada do resto, e na que se contemplarán especialmente, medidas de Xestión Forestal Sostible, como as que podedes observar no seguinte enlace (ver anexo II, referentes de boas prácticas forestais de Orde de 19 de maio de 2014, polo que se establecen os modelos silvícolas ...:


Dado que esta banda de protección se establece ao longo de 150 m, e como a súa anchura mínima ha de ser de 15 m, o total de superficie a incluír nesta xestión especial de protección dos ecosistemas acuáticos será de 2.250 m2. Como vedes é unha superficie moi pequena con respecto ao total do monte, 52 ha. A xestión desta zona deberá centrarse en eliminar aquelas especies que non estean incluídas no anexo I, básicamente frondosas autóctonas, e no noso caso en concreto, eliminar os piñeiros. En canto aos referentes de boas prácticas na xestión forestal, nesta zona procurarase alterar o menos posible o ecosistema, evitando talar cara ao río, e sacando a madeira ladeira arriba, dirixindo os derrubamentos das árbores cara arriba, para evitar danar á vexetación ripícola. Para isto, en moitas ocasións haberá que proceder ao cableado e abatemento dirixido. Nesta zona só se realizarán accións dirixidas a respectar o solo e a vexetación natural existente.
O resultado de restar ás 52 ha, as 0,225 incluídas na banda de protección fluvial resulta 51,775 ha, nas que organizaremos as talas polo método de ordenación de División por Cabida. Este método é o máis rixido de tódolos existentes, pois divide o monte en superficies iguais (se son da mesma calidade e teñen medríos similares). Así, se quixésemos cortar tódolos anos, o que fariamos sería dividir a superficie a xestionar entre o turno, neste caso 32 anos. Ao facer esta división obtemos:
Cabida de periodicidade anual= 51,775/32= 1,618 ha
O problema é que nos din que o piñeiro do país tarda unha media de 4 anos en establecerse de xeito que cubra o terreo talado, polo que nos pode interesar centrar a nosa atención en zonas de tala (tranzóns) nas que concentremos o esforzo en conseguir a rexeneración. En cada un destes tranzóns, que terán 4 veces a cabida periódica anual, realizaremos as cortas de rexeneración, que neste caso, en lugar dunha tala, faremos dúas (cortas a feito en 2 tempos), unha no momento que lle toque, e outra 2 anos máis tarde, así chequeamos a situación da rexeneración natural, e cumprimos co desexo de propietario que pretende obter ingresos cada 2 anos.
Teremos entón tranzóns de superficie= 4*1,618= 6,472 ha
As cortas a feito en 2 tempos consisten en realizar unha primeira na que, en lugar de cortar tódalas árbores, deixamos unha reserva de árbores nai para garantizar certa protección do rexenerado, seguir proporcionando semente, e ter un reservorio de semente por se houbese unha catástrofe que malograse o conseguido. Neste caso poderiamos deixar entre 30-50 p/ha, que serán talados pasados 2 anos. Trátase dunha corta intermedia que consigue proporcionar uns ingresos cunha periodicidade de 2 anos, tal e como pretende a propiedade.


No croquis vedes o monte delimitado pola liña roxa, e as pistas e vías de saca en amarelo. Os tranzóns está delimitados por liñas grises, e vedes debaixo do número román que identifica a cada tranzón, os anos nos que lle tocaría a corta en gris (primeiro turno), e en azul no segundo. A banda verde simboliza a zona de 15 m de protección de ribeira. Situei 3 cargadoiros para facilitar a saca e a posterior carga polo camión; enténdese que as duas pistas están en boas condicións. O itinerario de cortas iníciase no  tranzón I, cortando no ano 0 (na actualidade), e voltando para cortar as árbores nai 2 anos despois. No ano 4 se talaría o tranzón II, excepto as árbores de reserva que se cortarían no ano 6, e así sucesivamente. A orde seleccionada para percorrer o monte coas talas, tenta non deixar 2 zonas de tala moi xoves xuntas, para que sempre haxa masa madura que proporcione semente cerca. 
Non tivemos en conta a situación de partida. Imaxinemos que o monte xa estivese ordeado; teriamos o que se coñece coma monte normal, e a idade de cada tranzón no ano 0, calculariase como dís o croquis, restándolle ao turno o ano da corta. Así, o tranzón I tería 32 anos, o II tería 28, o III 24 e así sucesivamente. Que pasa cando a situación de partida se alonxa dese ideal que constitúe o monte normal?. Pois que temos que seguir o mesmo esquema de tala para conseguir ordear o monte, sacrificando así o mellor momento para cortar cada zona segundo a súa idade. Isto é o que se coñece coma "sacrificio de cortabilidade".
Imaxinade que o que temos é un monte homoxéneo con piñeiros de entre 16-20 anos. No tranzón I cortariamos as árbores con esta idade, no II con 20-24, no III con 24-28, no IV con 28-32, no V con 32-36, no VI con 36-40, no VII con 40-44 e por último, no VIII con 44-48 anos. En tódolos tranzóns teriamos sacrificios de cortabilidade, por cortar fora do turno, salvo no tranzón V.
Por último, en canto ás cautelas que deberiamos ter nas talas cara a unha Xestión Forestal Sostible real, irían da man de deixar sempre estruturas remanentes e legado biolóxico que faciliten a recuperación do monte despois de cada corta. Se mirades os referentes de boas prácticas, veredes que algúns destes van nesa dirección. Para o noso caso concreto, como nos din que temos un monte bravo de 5-15 anos de carballo e castiñeiro, xa temos aí dúas especies que non sendo obxecto do aproveitamento, deberían ser respectadas pois serían zonas non alteradas que valerán como refuxios ou illas para moitas especies de flora e fauna. E falamos tanto de especies que viven no solo, baixo él ou sobre a vexetación.

Tamén se deberían deixar 5-10 árbores/ha para morrer no monte, por formar parte dese legado biolóxico que facilitirá a volta de moitas especies que precisan de certa estrutura arborada para desenvolver algunhas das actividades dos seus ciclos vitais. Outra cuestión a ter en conta é procurar alterar o mínimo posible o solo, polo que os traballos de saca se concentrarán nas vías de saca e accesos estrictamente necesarios, para unha vez rematado o traballo, retirar parte dos restos cara a estas vías e trituralos sobre estas, evitando facelo de forma indiscriminada por todo o tranzón. A outra parte dos restos grosos deben quedar no monte, pois o seu papel tamén é fundamental e forma parte desas estruturas remanentes das que falamos máis arriba. 
Por último, non esquezades que os fungos micorrícicos desempeñan un papel fundamental na recuperación dos montes, para o que é moi importante que quede parte da vexetación sen alterar, tanto arbórea como arbustiva e de matogueira. Só así garantiremos o éxito do rexenerado natural, e facilitaremos incluso, a instalación dunha repoboación artificial, no caso que esta fose necesaria.
Esta non é a única solución!!. Plantea as túas e envía comentarios.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Plantas parásitas: a póutega

A lontra e Lourizán (Pontevedra)